Skip to main content
Críticas

Rosalía de Castro, vista por Belén Padrón

 

Este Día das Letras Galegas 2013 ten un dobre significado: o recoñecemento á figura do dramaturgo, actor e director teatral Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) e festexar os 150 anos da publicación de “Cantares gallegos”, de Rosalía de Castro. A poeta galega é a protagonista dunha das salas da Galería Sargadelos de Santiago, onde transcorre a XIII Campaña Municipal de Animación á Lectura Unha bandada de contos, que rematará o vindeiro 25 de maio.

O equipo de animación á lectura de KALANDRAKA repasa a súa vida, tan intensa no persoal e no literario, co profesorado e cos nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria que asisten ás sesións de contos e música. Unha proxección de imaxes abrangue a nenez de Rosalía, as circunstancias históricas e sociais dunha época marcada pola emigración e pola situación de abandono da lingua galega, o seu ambiente familiar, a publicación dos seus libros, e a súa traxectoria ata o seu pasamento na Casa da Matanza, convertida en museo.

Esta homenaxe artéllase en torno aos poemas do libro “Rosalía de Castro, escolma poética”, publicado na colección Trece Lúas de FAKTORÍA K, no que a artista plástica Belén Padrón interpreta visualmente os versos rosalianos con mestría e sensibilidade. Algunhas ilustracións orixinais desta obra están expostas neste templo adicado á musa do Rexurdimento.

A morriña e a saudade teñen marcado tamén a biografía de Belén Padrón, filla de galegos emigrados en Asturias. Estudou Belas Artes en Pontevedra, traballou en Cuenca, Porto, Arxentina, Lanzarote: un curriculum forxado a ritmo de facer e desfacer maletas, de atravesar fronteiras a través do océano. Esa mestura de lugares callou na súa personalidade e no seu estilo á hora de pintar e ilustrar. Esa ousadía dos viaxeiros, de mirada curiosa, está presente no xeito co que Belén Padrón condensa en imaxes composicións tan emblemáticas como “Maio longo”, “Adiós ríos, adiós fontes”, “Negra sombra”, “Campanas de Bastavales”…

Supón nun primeiro momento moitísima responsabilidade, tendo en conta que Rosalía é unha figura que forma parte do patrimonio, non só cultural, senón tamén afectivo, de todos os galegos. Ademais, publicáranse con anterioridade numerosos libros ilustrados adicados á súa obra, así como composicións musicais. Rosalía é un pouco de todos, e supuña un reto dar imaxe a poemas que forman parte da memoria colectiva dunha sociedade.

Un desafío artístico que Belén Padrón enfocou a base de moita preparación e documentación. Empapándose da obra de Rosalía é imposible non identificarse con calquera dos seus poemas; versos atemporais que conectaron coa sociedade do século XIX e seguiron conectando coas xeracións posteriores ata a actualidade.

Para a preparación deste traballo lin a meirande parte da obra de Rosalía, ademáis de estudar a súa biografía con detemento. A selección dos poemas foi consensuada, tendo claro que queriamos que reflectiran os diferentes aspectos da problemática tratada na súa obra, e que a retrataran a ela como persoa. Comprobei que as cuestións fundamentais permanecen vixentes na sociedade actual. Os poemas están moi escollidos e todos eles son importantes. Algúns tráenme recordos de cando era nena e os escoitaba no coche musicados por Amancio Prada, outros de telos traballado na escola. Un dos meus favoritos é “Qué pasa ao redor de min”, pola forza e pola sensibilidade que trasmite ao mesmo tempo. Paréceme moi enigmático.

Un legado poético empapado de nostalxia e tristura que atopa, nas ilustracións de Belén Padrón, un vizoso caudal de colorido, contrastes, formas exuberantes. Mais non só de sombras e bágoas se nutren os versos de Rosalía…

Rosalía ten poemas que certamente son moi nostálxicos e tristes, pero encerran moito máis que iso. Falan de proxectos persoais, indignación, medo, fantasía. Pódese entrever a unha muller de moita fortaleza espiritual. A súa obra transmíteme sentimentos moi potentes, e penso que esa intensidade pode ser acompañada por imaxes que busquen esa mesma forza a través das cores e dos elementos decorativos. A autora detallaba cada estrofa con descricións dos obxetos e das paisaxes cotiás, dos estados de ánimo e das sensacións. Eu tratei de achegarme á súa realidade desde a miña propia perspectiva, deténdome en cada detalle das ilustracións coa intención de acompañar as súas palabras, facéndoas un pouco miñas.

Belén Padrón experimentou o fenómeno da emigración en primeira persoa ao longo das diversas etapas da súa vida. Unha vivencia que a achegou á obra de Rosalía dun xeito máis intenso e que se exteriorizou nas ilustracións desta escolma poética.

O encargo deste proxecto coincidiume vivindo en Lanzarote. O feito de vivir lonxe da familia deume a capacidade de entender moi ben ese sentimento de saudade con que se identifica tanto Rosalía. Penso que foi un elemento, entre outros, que me axudou a achegarme á súa obra. Agora estou de volta en Galicia e penso que a miña estancia en Lanzarote foi unha experiencia positiva. Ademáis das persoas que quedan alá e que seguen sendo importantes na miña vida, o feito de vivir fóra deume un novo punto de vista. Enriqueceume, penso, como persoa e tamén na miña obra. Quizabes esa parte non se reflicte tanto na obra de Rosalía, pero non todos os que marcharon foron tan afortunados de querer voltar e poder conseguilo.

Como cada título da colección Trece Lúas, “Rosalía de Castro, escolma poética” ten un peculiar manual de uso que propón ler un poema cada día, cada semana ou cada mes lunar; pousar o libro nun atril, aberto pola ilustración que desexe o lector ou lectora; e percibir así a lectura que fai Belén Padrón das palabras da poeta.

…Teño o costume de facer algo moi semellante. Normalmente leo varios libros á vez, ao mesmo tempo que vexo libros de arte que sempre teño enriba da mesa. Vounos abrindo por páxinas ao azar disfrutando desta mestura de imaxes e palabras que, directa ou indirectamente, forman parte dos nutrintes da miña obra.

Os trece poemas desta escolma de “Cantares gallegos” e “Follas novas” deron con cadanseu xeito de representación gráfica: siluetas, figuras de homes e de mulleres anónimos, composicións xeométricas ou labirínticas, estruturas que semellan tapices ou mandalas, elementos simbólicos con forma de corazón, sol e lúa que se asoman en diversas páxinas, imaxes de contido abstracto… Un abano amplo e diverso que proba o proceso laborioso e planificado co que Belén Padrón abordou o reto de ilustrar a Rosalía de Castro con honestidade, respecto e admiración, de artista da imaxe a artista da palabra.

A dificultade de ilustrar poesía -e calquera outro tipo de texto, pero quizabes maiormente na poesía- é o feito de poñer imaxes que acompañen ao poemas sen que pechen a súa suxerencia, o seu significado, a súa frescura. O traballo de ilustración desta antoloxía levoume aproximadamente dous anos. O primeiro foi adicado fundamentalmente á documentación e ao achegamento á figura e á obra de Rosalía, e de mergullamento no seu mundo. O segundo ano, tratei de poñer en imaxes os diferentes aspectos da obra rosaliana, facéndoas complexas, conceptuais e tratando de manter esa suxerencia e frescura. O meu, polo tanto, non é un traballo no que espere unha inspiración momentánea. Necesito estar concentrada nun proxecto e vivir nel aceptando o que vale e rexeitando o que non, adicando tempo á concentración, preparación, mergullamento e posteriormente, resolución. O meu é un traballo disciplinado.

Artigo de opinión: “Cantares sen fin”, por Ramón Rozas

No mes do libro e no ano en que se celebra o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ a obra de Rosalía de Castro non deixa aínda de xenerar novas imaxes e novas sensibilidades en creadores tan actuais como a Licenciada en Belas Artes, Belén Padrón.

Pouco podía imaxinar esta rapaza formada na pontevedresa Facultade de Belas Artes que o tempo a ía levar a ilustrar unha obra sobre Rosalía de Castro. E é que Belén Padrón ven a compoñer unha das últimas achegas, neste caso dende a plástica, á obra da nosa poetisa eterna. Falo de eternidade porque tamén pouco se podía imaxinar aquela muller que a súa poesía íase manter no noso tempo cunha vixencia que o que ven é a confirmar a súa valía literaria.

Así é como ambas se deron unha forte aperta a través da publicación por parte da Editorial Kalandraka (recentemente recoñecida co Premio Nacional a la mejor Labor Editorial) dunha ‘Escolma Poética’ que recolle algunhas das mellores composiciónes da poetisa, ilustradas cunha serie de obras de Belén Padrón. Falamos de trece textos e as súas correspondencias visuais, que se converten así nunha singular interpretación do que eses poemas significan para a nosa artista plástica.

«Os poemas son suxerencias e emoción pura e as ilustracións tiñan que coexistir con eles da mesma maneira», afirma Belén Padrón ao repasar o que foi aquela aventura que a levou a mergullarse na obra da poetisa, así como a buscar a súa posición conceptual fronte o encargo, algo que lle preocupa moito ante cada traballo ao tempo que é un chanzo insalvable á hora de poñerse a traballar na plasmación visual, e ahí é onde Belén Padrón saca o mellor de si mesma. E o mellor é o seu plantexamento pictórico ao facer da súa pintura un territorio lírico cheo de experiencias persoais que se van depositando como sedimentos na superficie de traballo, onde a carón dunha fonda percepción estética hai toda una morea de elementos simbólicos que serven para engrandecer a narración, e que no caso destas ilustracións afondan nas sensacións que Belén Padrón atopa nese poemario ao falar de «beleza, dor, perda, inmensidade, autorretrato, tempo, medo, feminidade e imaxinación» e que ela é quen de reinterpretar visualmente para chantalo en cada un dos seus poemas. Por que a súa forte carga lírica converte a cada unha desas imaxes nunha especie de poemario visual que convive a carón dos poemas de Rosalía de Castro.

Cando en 1863 Rosalía de Castro publicou ‘Cantares gallegos’ puxo o idioma galego a rodar saíndo da escuridade á que estaba sometido dende hai moito tempo. A consideración da lingua galega como parte dun sistema culto de expresión, como é a literatura ou a poesía, deixou a esta obra xa como un referente na literatura galega, abríndolle as portas á modernidade. Pero Rosalía tiña aínda moito que dicir e chegaron ‘Follas novas’ e ‘En las orillas del Sar’ artellando o gran tríptico literario da nosa gran dama das letras e dos que sae esta escolma poética. Convertida xa en símbolo dunha terra, achegarse á Rosalía de Castro non é nada doado de cara á intervención doutro creador, precisamente por esa sensación de atoparse ante un tótem que a pouco que un non atine pode meterse nun lío. Pero Kalandraka andivo fina ante a escolla desta ilustradora que xa antes tiña traballado en diferentes títulos pero sempre cunha característica que lle da forza ao seu traballo como é o non renunciar a súa linguaxe pictórica.

A vida laboral levouna a pasar unha longa tempada fora da casa o que a levou xusto neste intre a empatizar coa propia escritora que tanto tempo pasou en Madrid lonxe desta terra que protagoniza a súa obra. Esa distancia, o feito da creación e o punto de vista dunha muller achegaron moito ambas almas ata o punto que a admiración anterior ao longo do traballo converteuse nunha afinidade certamente impensable cando xorde o encargo. Todo eso axudou a que o poemario remate curiosamente cun poema de Belén Padrón cheo de reflexións sobre o que foi esta relación esporádica e que remata así: «Murmurando as túas palabras/achégome a ti,/dime/que pasa ó redor de min…?».

Non cabe dúbida de que crear é camiñar arredor, tanto dun mesmo como da sociedade na que un habita. Ambas mulleres así o fixeron, dende a palabra ou dende a imaxe, para falarnos de si mesmas e a súa relación co que lles rodea. Unhas miradas que baixo unhas tapas duras xa quedaron enguedelladas para sempre.

[Relacións esporádicas/4. Publicado en Diario de Pontevedra 1/04/2013]

Kalandraka, 2013